Thursday 25 de April de 2024

Cerdido asina o convenio coa Xunta que permitirá comezar as rozas para a prevención de incendios


Os traballos non puideron comezar antes posto que a administración autonómica non enviou o documento ata este mes de xuño

O Concello remitiu un escrito á Dirección Xeral de Defensa do Monte solicitando o incremento das hectáreas, que foron reducidas pola Xunta

O Concello de Cerdido asinou esta semana o convenio que permitirá comezar coas rozas para a prevención de incendios. Segundo o alcalde, Benigno Galego, a Xunta non enviou o documento para a súa sinatura ata este mes “polo que foi inviable a contratación deste servizo ante a falta de consignación orzamentaria que depende desta achega autonómica”. O retraso da sinatura do convenio impediu xerar o crédito necesario para a súa contratación. O alcalde lembra que este ano a contía prevista no convenio aumenta dos 9.000 euros, dos anos anteriores, ata os 15.000 euros neste ano.

O alcalde asinou onte o convenio que será ratificado polo director xeral de Defensa do Monte para a prevención de incendios mediante roza das pistas.

Galego lembra que lle remitiu un escrito a Dirección Xeral de Defensa do Monte solicitando que se incremente o número de hectáreas a subvencionar, xa que nos convenios anteriores o espazo de traballo comprendía 85 hectáreas e este ano reduciuse ata as 69 hectáreas.

“Desde o Concello pedimos desculpas os veciños e veciñas polo retraso na realización destes traballos e que somos conscientes do malestar que poida ocasionar, pero sen o documento achegado pola Xunta era imposible contratar estes traballos”.